|
esperta!, vas ver unha cousa... brincábanlle nenos na mirada, e iso sí que era raro, que estivera tan contenta. qué pasaría!. qué é? qué é?. tí ven. pero vai frío!. veña, nogallá, bule, pon as katiuskas. e levoume á porta da eira, abriuna amodiño coma quen descorre o telón, con aquela cara intrigante, e vin ese manto branco que non sabía o que era, nin como se chamaba. qué é? qué é?. nunca tal vira. non me atrevía a botar o pé da porta, pero se miña nai sorría, malo non podía ser, e saímos, e afundiamos nesa capa brandiña. qué é? qué é?. e toqueina, estaba moi fría, e quedei sen tento nos dedos. rodeamos a casa, e vin asombrada a eira enteira dunha soa cor, coma si tivese un vestido con puntillas nas silveiras do valo, alá no cabo, onde empezan as chousas, e oín risas que viñan do camiño, meus primos tirábanse bolas uns ós outros, e eu entrei nese xogo que non tiña normas que aprender, estomballámonos no chan, rindo, pero ninguén nos berraba. canto mudara o mundo nunha noite!, e preguntei se todo ía quedar así para sempre. non era porque parecera domingo, se non por aquela risa na cara de miña nai.
-

|