me hablas a mi? -espacio emocional-

unha emoción compartida
é un contrato íntimo
que vai máis alá das palabras

__

debaixo da pedra

Publicado en 9 de Febrero, 2010, 22:15. en LENTES DE CONTACTO CON SU NEBLINA PROPIA.
Comentar | Comentarios (61) | Referencias (0)
Etiquetas:

"Recanto"
(A foto non é miña, pero teño permiso para usala como se fora)
-

recanto.jpg

-

Ela pasaba a diario, amazona na egua branca, levándoa ó paso, harmonioso e sensual o movimento do corpo, o pelo trenzado de lado, rozándolle o pescozo fráxil, baixando sobre da chambra, pousando no peito esquerdo. 

Cortaba solas o zapateiro, asubiando, coas portas abertas. De lonxe xa oíra aquél son que o perturbaba, o eco das ferraduras. Cando ela pasaba botáballe enriba os ollos abetunados de mirada ardente queimándolle os dela, que baixaba as pálpebras, a cara encarnada. Percorría él entón o camiño da trenza, rozándolle o pescozo fráxil, baixando sobre da chambra, pousando no peito esquerdo.

Escoitábase o cuco no souto.

Cantaron máis cucos antes de ir o zapateiro cara a Casa Grande coas mans nos petos, as cóxegas no ventre, a cabicha nos beizos. Paraba ó chegar á cima da costa, para ollar dende a altura a ventá do seu cuarto e agardar o sinal acordado. Alí a estaba, acobadada na fiestra, pendurándolle a trenza como ás princesas dos contos.

Mimadre, cumpríame facer un vestido!. A costureira poñía alfinetes no baixo da saia, él polo camiño, bordáballe suspiros pertiño da orella.

Mimadre, vou buscar auga!. A fonte ría. A sella calaba.

Rulaba unha rula na ponla. 

Pouco duraron os rulares agarimosos. Tarde tras tarde, ficaba él a mirar a ventá en espera do sinal, pero nunca chegaba. Os pais gardábana del, nin ó sol nin á lúa podía ir soa a ningures. Tiña que ser ben casada, non eran para zapateiros as grandes herdanzas. Murchada ela os días enteiros, ata lle parecía telo albiscado detrás dos carballos. Él, polas noites, afogaba a rabia mirando as estrelas. Un domingo, na igrexa, él agardou á beira da pía da auga bendita a que entrara ela, diante da nai, cos dedos mollados ofreceulle para se persignar e deixoulle un papel dobrado na man. Durante a misa agochouno ela no seu peito esquerdo, debaixo da chambra.

Esa tarde cantaron sen parar as carricantas. 

Veu unha noite morna. Á luz da lúa foi trala casa, buscar o escondite que él lle dixera e alí estaba a carta, no valado, debaixo da pedra. Faláballe él da pena que tiña, dicíalle ollos de acibeche, beizos de cereixa. Respondeulle ela cos pensamentos que lle fora gardando, abríndoselle ós arrecedendos. Clarexando o día viña él pola carta, pousadiña debaixo da pedra. Alí foron poñendo latexos, debaixo da pedra. Todos os desexos, debaixo da pedra. Os cariños todos, debaixo da pedra... Moito medraba o lume debaixo da pedra!.

Queridiño: mañán van á feira meus pais, eu farei que estou enferma. Agárdote ás 12 na carballeira, no fondo da eira.

Floreceron os bicos ó sol, él desfíxolle a trenza, baixou coa man polo fráxil pescozo, meteuna por debaixo da chambra, acariñoulle o peito esquerdo. Teceron as linguas palabras mesturadas coa saliva do outro, a dureza del afundindo na brandura dela... Despois, quitoulle él as herbiñas que se lle enredaran no pelo, prendidos os ollos, planeando o futuro.

Asubiaba o melro, dende a silveira.

Él falou cun cura de lonxe, ela cosía e bordaba. Medraron as noites, amarelou o campo, chegou o frío do outono. E aquela mañán de brétema espesa, ela esperouno, preparada a besta, o enxoval na albarda. Ó pasaren por diante da pedra, él ía diante montado a cabalo, ela pegada, montada de lado, as meixelas vermellas, o pelo trenzado.

.

*Edito para poñer un traductor en imáxenes, xa que nos coments me alabaron a idea!
chambra
peito esquerdo (e dereito)
encarnado, vermello
pálpebras
beizos
souto
cóxegas
carballeira

peto
cabicha
murchar
agochar, agocharse
acibeche
cereixas
rula
ponla
carricanta
valado
latexo
lume
afundindo
tecer, teceron
melro
silveira
amarelar, amarelou
brétema